Neves Soutelo

 

C:\Users\rodica\AppData\Local\Temp\NEVES FOTO.JPG

 

 

(España)

 

 

POEMAS

 

 

 

 

 

Son media muller.

 

O espello féndeme de arriba abaixo

facendo case simétrica

a asimetría imperfecta

de min mesma.

 

Quizais, penso, a miña outra metade

quedou entre as liñas dos teus dedos

coñecendo os volumes do meu corpo

as súas dimensións todas.

 

Debúxame de novo.

 

Dáme a completa sinxeleza das miñas nádegas e dos meus peitos brancos/finaliza

as miñas vértebras unha a unha ata a caluga.

 

Acomoda o meu cabelo na almofada sobre a túa man aberta.

 

Refresca a miña fronte febril.

Moldea a miña faciana.

Recompón o meu sorriso

para que non volva a esgotarse.

 

 

Tapiz

 

 

E foi así que chegaron os días.

 

Os días nos que Penélope desesperou,

nos que se decatou de que o seu mérito

non se pesaba en onzas de paciencia

 

nin en amor incondicional.

 

E foi que se dixo que tecer non era o seu.

Nin ter que lavar as esperas con bágoas estrelecidas

ou ter que verse nos espellos de bronce sen boca nin ollos

-a súa faciana murchada de sol-,

nin levar no seu ventre esperanzas ermas.

 

E que o derradeiro nó era o Comezo.

 

 

 

 

POST-SCRIPTUM

 

 

 

 

UN

 

Abre os ollos!

Fálame!

Aínda queda aire para os que

vivimos

neste cuarto de auga.

 

 

 



 

DOUS

 

Porque cando me decatei
xa te amaba
dende moito tempo antes
de coñecerte.

Eras un remordemento
cruel
baixo a liña
das pálpebras
no embigo submiso
no ronsel húmido de TRISTURA

esvarando polas miñas dedas frías.

Raíz.

 

Porque te
coñecín
polo teu beixo calado
e por ese olor pegañento a melancolía
esgazada
que /non
sempre/
camiña contigo.

 

Por todo iso te coñecín/como
esquecelo.

Todo pasou ás présas
ao decatarme/quen
sabe
se tiña que ser así xa.

 

 

 

 

TRES

 

Buscarás o aroma da

terra

húmida

e a forza das raíces

intuída ós poucos

baixo a trenza de veas

do teu ventre

 

apalpando cas mans

 

porque xa non confías nas

palabras que digo

/paxaros sen ollos.

 

Buscarás o lume

e as pólas

máis flexibles

 

no remorso

do vento no temporal

para construír

fibras novas

de esperanza e cariño

 

con que poidas espirte

desta coiraza apodrecida que

non nos deixa respirar

/apenas oírte berrar por mín

 

e así verte no meu abrazo

núa  clara e limpa

como a luz

nos tellados

de vólta á casa.

 

E non poñerás

bandeiras brancas nas torres, NON

porque

/xa nunca

penso renderme.

Articles similaires

Tags

Partager