Ana Cibeira

 

C:\Users\rodica\AppData\Local\Temp\CIBEIRA FOTO 1.JPG

 

 

(España)

 

 

LIRIOS

 

 

 

 

Filla hedonista

amante da acupuntura

das babydolls perfectas:

“tes que velas en Tokio

estaría ben ser unha delas por un día”

 

bulbos que estoupan como cebolas

translúcidas

cal iris dunha fermosa raza de replicantes

que non cren en si mesmas,

talos de tóxico aroma

valeira pel de pexego

tan bonita como un retoque virtual,

virtuoso xemer que nin mancha

sobre a luz, recortes.

 

Falo de flores teimudas

dos seus pistilos rematados en diminutas tellas

ladrillo en po compacto

bronzé natural,

canoíñas boca abaixo sobre a area

máis branca e fina que viches nunca

praia vexetal,

venas verdes sobre pétalos futuros

perfume perigoso que ela trae

a esta casa de paredes amarelas

e o veleno penetra.

 

 

 

 

UNHA CASA

 

Portas dobres no armario e un baño de burbullas.

A miña etapa caracol é unha baba interminábel

non podo deixar os discos na sala

sen saber que o meu arquivo das emocións seguirá intacto

listo para recuperar festas e espiñas das miñas horas,

síntome exposta como se puidera vir alguén

unha mañá de domingo de sol e frío pescudar nel

á praza do meu pulso comigo,

no meu catálogo de latexos -rexistro de biblioteca sen dixitalizar-

o buscador de tesouros move imperceptiblemente índice e corazón

sobre as comisuras do meu pracer.

 

Rodapés nos tendóns

revestimento muscular

paredes de pel

o espello satisfeito

e un vaso do teu sangue ó rematar a mudanza.

O meu soño non vive so nin con estrañas.

 

 

                                      

 

Sobre unha foto de Francesca Woodman

 

 

O DEDO NA MAZÁ

 

Tes o anel que herdarei

un día verde esmeralda

reclamo do dedo corazón

-devezo infantil de mamá a ti pertenzo-

a medio camiño entre nós ouroboro d’ouro

e sortella de preciosas que alumea

a pupila vertical da túa víbora rétame,

criatura de unllas negras

de morder enraizada ou ser

tinta –cómo ardes- cinza

 

Ti es quen cae da árbore

sabedoría de precoz Lilith

e son as gretas da túa casa as miñas veas

a fantasmal fuxida o meu invento

o teu cristal o meu ollo

as túas ás a miña metamorfose

ti colgada do pelo a miña Emma

a túa cona o meu espello

a túa gaiola o meu terror

o teu garfo a miña arma

a túa espiña o meu pilar

os teus lirios os meus pés

as túas luvas as miñas tetas

as vexetais vendas os meus pulsos

a túa chaga a miña mazá

os teus vermes os meus dedos

o teu salto o meu veleno

o teu motivo a miña serpe.

 

 

 

 

MAPA DA CIDADE PROHIBIDA

 

Para Maitena Monroy

 

Cada vez que penetramos nun punto negro do mapa

-aspas de sangue agoirando loitos-

imaxino un Los Ángeles sucio

un pobo profundo

un monte cheo de flores bonitas por todas partes

unha ruela allea.

 

Pero é á miña vida onde pode chegar a realidade

substituír ó medo

-este peso impreciso sen libro de instruccións-,

na capital Carapuchiña verterá a súa orquídea profana

ungüento orgánico extremadamente repulsivo

estendéndoo pola cara  ata que o agresor fuxa            

de noxo

é neste bosque de cemento onde saca a pistola luar das bragas

vestindo despois un fermoso abrigo de pel de lobo

como soña Roald Dahl e sabe a historiA que tamén sucede

malia un tácito silencio de morte.

 

 

 

 

CONXURO CONTRA LECTURAS EXANGUES

 

Paxaro de cortiza

século XXI picado

cuspe negro de andoriña                       

nun brazo adolescente

colgando       dunha bañeira.

 

Serraduras na cabeza das aves

venas tristes na pel pálida

1 falsa suicida ensina as puntadas

da súa carne suxeita por arte de maxia,

difícil o baile e aínda a fala

de membros podres e diario corrido.

Eu mirando a estampa véxome

impedida a respirar con regularidade.

 

Plumas azuis, regos suxos

tinta baixo os ollos

o contorno das sombras

ten forma de xílgaro mudo,

lendo o primeiro parágrafo véxome

impelida a respirar con irregularidade.

 

Derme gravada, restos acibeche

claro que me seduce a celeste pauta

pero vou espirrar e soprar, soprar, soprar

botando a casa abaixo

detrás, o lomo-ceo deste retrato,

rodarán mazás e cortarei remolacha

sobre as tellas manteiga untada

fervendo un caldeiro d’auga

que na lareira será a túa trampa

cando me baixes buscar este Nadal

en forma de autoregalo

rendida eu xa

á publicidade das revistas modernas e raras.

 

 

 

 

Querido diario

 

vai moito do último segredo,

as boas noites das Perseidas

arrecenden á promesa

“plan de acoso” na volta ó cole:

namorada das súas pecas

-el non sabía das miñas-

trabuqueime de número

e forcei a amizade,

eu era moi hábil para enlealo

máis de media hora   a diario

acosábao      el feliz mo consentía.

Quedar despois da misa

aínda non sucedera.

 

Querido diario

 a chamada intrépida custa 100 pesetas

roda de uniformes, primeiros 5 minutos

logo soa a miña saia algo curta con prendedor

tupé e tripiña          botas altas    a man pintada,

a miña é a cara da lúa

facendo a súa maxia:

saco un coello da chistera cada vez que me colle

o rapaz do vespino branco,

perseguido e consentido

sorrime ó outro lado.

 

Chegou o día que puiden contarlle as manchas

escalando o seu nariz diminuto

no portal de  Ceinos           balbordo        hora de saída

eu so vía ás guapas, miraba polos seus ollos…

Á volta das agullas xa sabiamos

que nunca máis volveríamos falar:

eu xa non rezaba i el buscaba sifrinas.

 

 

 

 

 

 

 

 

________________________________

 

ANA CIBEIRA

 

As miñas letras viron a luz no zine polpA do colectivo Humilladoiro da Coruña e no Nada es verdad. Todo está permitido de Bilbao. Despois fun publicando textos en revistas como A Xanela, Andaina, Búsola, Juglar (Málaga), Dorna, Nayagua. Revista de poesía del Centro José Hierro de Getafe (Madrid), Perfil del aire (Córdoba), Salamandria (Almería), e noutras publicacións periódicas na rede como Andar21, Biblioteca Vitual Galega, Contos ínfimos, o Espasmo das Redes Escarlata, Hiperferia (N.Y.) e a Incomunidade (Portugal)… Recitei en Poio (Poetas na rúa, 2004), Córdoba (Cosmopoética, 2006), Málaga (Transgeneración, 2007) e Madrid (Palabras habladas por La Bella Varsovia, 2009; Letras galegas na Uned, 2010; e na presentación do ICBG na Casa do Brasil, 2010). Os meus poemas aparecen nos libros colectivos: Transgeneración 1.0. Encuentro de jóvenes poetas españolas (2007), Letras Novas (2008), Marés nos pousos do café. Mostra de poetas de expresión galega en Madrid (2010) e Sétimo andar, poesía alén (2010). Expuxen os meus collages e fotomontaxes colectivamente na Galería Publiart -Premio de honra no certame Digitart- (Ourense, 2003), na Ca la Dona -Certame Femart– (Barcelona, 2005), no Ladyfest (Madrid, 2006 e 2010), nas xornadas 20 Anos da Revista Andaina (Compostela, 2003), Translittera (Compostela, 2005), no festival Poetas por Km2 con Elena Medel (Madrid, 2006), no zine Renderén #2 (2009), en Vinalia Trippers#10, no discozine c-utter & humor vítreo (2010), en La fanzine #5 Libertad (2010), e noutros moitos proxectos virtuais como manzanazeta.net, exhaustfan.org  e completelynaked.co.uk etc… No 2010 ilustrei o poemario de Emma Pedreira Xoguetes Póstumos (Premio de poesía erótica Illas Sisargas 2009) publicado pola Asociación Caldeirón. E neste 2011 verei publicado o meu primeiro libro individual de poemas: Pintalabios, na editorial Toxosoutos. Son parte do grupo musical de collage punkderfónico HUMOR VÍTREO.

 

Articles similaires

Tags

Partager